A Xunta de Galicia ten o PLAN DE ORDENACION DO LITORAL á información e propostas dos Concellos ata o vindeiro maio, para a súa aprobación inicial antes do 15 do mesmo mes na que remata a vixencia da norma dos “500 metros” no litoral.
A Federación de AAVV A CHAMUSCA está a procura da máxima información posible para poder avaliar os efectos deste plan no ámbito territorial do noso concello e poder ter unha opinión fundada sobre o mesmo.
As primeiras conclusións xeran no noso colectivo unha certa dose de alarma e preocupación:
- Aparece como unha norma “urbanística” básica e de referencia á que se teñen que adaptar os PXOM, sen que teñamos moi claro o grao de “coincidencia” do Plan de Moaña, nunha última fase de tramitación, a incidencia no desenvolvemento deste trámite ou sobre cuestións de interese xeral e colectivo como os terreos de Sixalde programados para o centro de saúde.
- Se presenta como un ambicioso plan de protección máis alá do concepto tradicional do borde litoral, ríos ou bosques incorporando ámbitos paisaxísticos, corredores ecolóxicos, etc. que, no seu conxunto, abranguen a practica totalidade no noso territorio municipal.
- Establece amplas áreas de mellora ambiental e paisaxística sen precisar as medidas de protección concretas pero con obxectivos moi claros: impedir a nova edificación illada, só crecementos dos núcleos e deixando fora de ordenación a centos de vivendas unifamiliares e colectivas que, segundo o texto legal, “constitúen a maior presión antrópica (presión humana sobre os ecosistemas) nas últimas décadas” e “que habería de quedar libre de edificacións”. (máis do 70% do noso ámbito territorial).
- Fronte a esta regulación global do noso concello como “parque natural”, a Xunta se reserva a capacidade de establecer calquera excepción en materia de instalacións industriais, sectoriais, de utilidade pública sen ningún límite, dando a impresión final que os únicos e verdadeiros culpables da degradación da ría e o noso entorno, somos os centos de veciños que construímos nosas vivendas aquí despois de 1956.
Ante esta preocupante avaliación inicial entendemos que debería ser o Concello de Moaña, como único interlocutor da Consellería de Medio Ambiente, neste trámite de consulta, o que ofrecera unha análise responsable, máis documentado e técnicamente solvente sobre o alcance deste PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL.
Polo tanto solicitamos:
1º.- Que se poña o documento a exposición e información pública, con persoal técnico para a correcta interpretación do mesmo.
2º.- Que se consideren no informe final do Concello todo tipo de alegacións e observacións que poidan presentar os veciños, tanto por escrito como verbalmente.
3º.- Que se organice á maior brevidade posible, a vista dos prazos, unha mesa de información e debate no que participen os técnicos municipais e/ou os que acheguen as organizacións sociais sobre os efectos do POL no Concello de Moaña.
Moaña, 22 de marzo 2010