O vindeiro 8 de maio remata o prazo de alegacións o “Proxecto de desdobramento do corredor CG-4-1 do Morrazo”. A Federación vai presentar unha alegación conxunta que recolla as particulares que cada AAVV están a elaborar sobre os tramos de trazado nas parroquias. A Federación entende que a importancia desta obra supera a mera execución material dun proxecto mellorable dende diversos puntos de vista. Supón a oportunidade de rectificar o pecado orixinal da mesma: grande impacto ambiental, división e desintegración do territorio, danos ecolóxicos e, fundamentalmente unha clara insuficiencia para a densidade do tráfico e un alto risco para os usuarios da mesma. A insuficiencia do vial é tan evidente que xa no seu proxecto inicial estaba prevista o actual desdobramento, polo que nos atopamos cunha obra que acumula o retraso dun lustro. O tempo que tardou en materializarse, desgraciadamente, en perda de vidas humanas o risco real que esta vía entraña polas súas características, cando os usuarios perderon a conciencia de perigo, como xa antes pasara coas do Barbanza ou do Salnes. Por tanto son precisas medidas absolutamente urxentes en materia de seguridade e control: compre que os responsables de tráfico e a consellería, adopten esas medidas nos vindeiros días, están moitas vidas en perigo. Todos os veciños/as do Morrazo estamos pendentes delas. As obras de desdobramento van tardar anos e non se poden gastar millóns de euros nunha solución para outros cinco anos como agora aconteceu. Non se pode concibir o corredor como a vía de saída e entrada de Vigo a Aldán: é o vial que comunica a unha comarca de máis de 60.000 veciños, situada na península do Morrazo, co resto do mundo. Unha poboación que vive a carón desta vía, nun territorio que o trazado actual desintegrou. Con esta visión as nosas alegacións van ir encamiñadas nas seguintes liñas mestras:
1º.- Integración do territorio: A ampliación do corredor, non pode quedar nun simple desdobramento.Ten que establecerse en rede coa vía tradicional pola costa, a estrada 551. Acesos e conexión coa 551 en Domaio, Meira, Moaña e Ameixoada-Tirán-San Martiño a través da actuación nas correspondentes secundarias e posta en marcha da circunvalación.
2º.- Respecto medioambiental.- Falsos túneles evitando os cortes a ceo aberto, tanto no actual trazado como no novo, e acceso directo a AP-9.
3º.- Reposición hidrolóxica.- Revisión das actuais e novo estudio das obras de drenaxe transversal (ODT) e lonxitudinal, respectando os leitos naturais das augas, para evitar asolagamentos.
4º.- Protección dos veciños.- Estudios de insonorización nos núcleos de vivendas afectadas( con solucións acaídas en cada caso) e protocolo de reparación e reposición de bens segundo principios do seguro patrimonial. Confiamos que nesta ocasión atopemos receptividade polos responsables actuais, os mesmos interlocutores que proxectaron e executaron o cuestionado vial en funcionamento.
Moaña, 2 de maio de 2010.
