A CHAMUSCA. Federación de A.VV. de Moaña.

Agosto 18, 2010

Á DEMARCACION DE CARRETERAS DO ESTADO EN GALICIA. A CORUÑA.

Arquivado en: Notas de prensa,NOVAS — achamusca @ 10:48

Que sendo parte interesada no proxecto  aprobado por Resolución da Subdirectora Xeral de Proxectos con data 30-06-10, publicado o correspondente anuncio no BOE nº 169 de 13 de xullo de 2010 e ostentando a condición de interesado, de conformidade coa Lei 30/1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, e segundo a vixente lei de estradas, en prazo de información pública e en relación coa concepción global do trazado e en particular sobre a circulación Vigo-Cangas-Vigo, veño a facer as seguintes consideracións:

 1.-TRAZADO.-

 Segundo se desprende da lectura do punto 4.7 da memoria, TRAZADO (que se reproduce como anexo informativo ao presente escrito) o obxecto é a ampliación dun terceiro carril por sentido da circulación na AP-9, no tramo comprendido entre o punto quilométrico145,180 (preto da estación de servizo San Simón, PK. 144,500) e  o enlace de Teis, punto quilométrico 151,110. Trátase dun tramo de 5.908,30 metros,  aproveitando a zona  de mediana donde isto sexa posible para ampliar a calzada. Na   Ponte  de Rande a  solución estructural de ampliación sitúa, en cada marxe, o terceiro carril separado dos dous existentes.

A primeira dúbida é se o terceiro carril se crea como solución aos problemas do tráfico do Morrazo na ponte de Rande, ou  como solución aos accesos a Vigo a través da ponte de Rande suprimindo o tráfico do Morrazo dos carrís centrais actuais. 

2.- TRÁFICO

Pontevedra-Vigo

O  terceiro carril da marxe dereita, dirección Vigo, separase fisicamente do tronco da autoestrada mediante barreiras ríxidas, no PK 0+765, separándose posteriormente do terceiro carril o Ramal 1 Pontevedra- Cangas e absorbendo o tráfico procedente do Ramal 2 Cangas-Vigo.

O terceiro carril  incorporase novamente ao tronco unha vez pasada a ponte de Rande no PK 3+737.  A presenza da barreira física entre o tronco e o terceiro carril durante esta parte do tramo fai que unha vez que o Ramal 2 Cangas-Vigo se una a Autoestrada, os vehículos que por él circulen non terán acceso aos carrís centrais ata unha vez pasadas as estruturas da Ponte de Rande, evitando o trenzado da circulación. Os vehículos deste terceiro carril separado dos dous carrís centrais serán os usuarios do terceiro carril da Ponte de Rande en sentido Vigo: os procedentes de Pontevedra e os que se incorporen desde o Morrazo.

Vigo-Pontevedra

No sentido Norte, o  terceiro carril  separase no PK 3+805 e únese  ao tronco no PK 1+755, permitíndose so desde o terceiro carril a saída do Ramal 3 Vigo-Cangas. Unha vez unido o terceiro carril ao tronco da autoestrada se permite a incorporación do Ramal 4 Cangas-Pontevedra.

Polo tanto, os vehículos procedentes de Vigo cuxa dirección sexa Cangas, deberán circular exclusivamente polo terceiro carril nas estruturas da Ponte de Rande, compartido con aqueles vehículos que sigan cara a Pontevedra.

 Segundo esta explicación, queda claro que da situación actual na que o tráfico do Morrazo dispón de dous carrís de 7,75 m., tanto en sentido Vigo como cara o Morrazo, compartidos co tráfico que vai ou ven de Pontevedra, agora vai dispor dun só carril de pouco máis de 3 m. compartido cos vehículos de/para  Vigo-Pontevedra que así o decidan, o que visualiza unha obra que non suma alternativas e solucións, senón que se fai con restriccións ao tráfico do Morrazo.

 3.-VOLUME ACTUAL, EVOLUCION E PREVISIÓNS DE TRÁFICO.-

 A análise  do tráfico realizado a partires dos dados das estacións de medida Cangas-Rande y Rande-Teis, indica que a taxa de crecemento anual acumulado para o intervalo entre os anos 2000 y 2009 é dun                 5,12 %, entre Cangas e Rande moi similar ao obtido para o mesmo período entre Rande-Teis que é dun 6,25 %. Por outro lado, entre os anos 2000 y 2009, o crecemento anual acumulado para vehículos pesados é dun 4,73 %, entre Cangas e Rande, similar ao obtido para o mesmo período entre Rande-Teis que é dun 4,77 % anual acumulado.

ANO             CANGAS – RANDE        RANDE – TEIS

2001               41.700                        46.364

2009                        60.114                      66.150

 Actualmente,  o tráfico Cangas-Vigo-Cangas   está entre 16.000 e  20.000 vehículos día (case 1/3 parte do tráfico total que pasa por Rande).

 Cun incremento histórico do 50% nos últimos 10 anos, as previsións nos sitúan no ano 2020 en 80.000 vehículos dos que uns 30.000 corresponderían ao tráfico do Morrazo (datos contrastados cos estudios que se recollen no proxecto da desdobramento do Corredor do Morrazo.

 E dicir, nos catro anos seguintes de se rematar a obra (2014-2018) a saturación sería tal que a solución aportada xa non serviría: nin os carrís centrais serían dabondo para o tráfico Pontevedra-Vigo-Portugal e viceversa e o terceiro carril para O Morrazo quedaría absolutamente desbordado.

 Por tanto non se pode presentar como unha verdadeira solución ao longo prazo, pero tampouco o medio ou corto prazo, se non vai acompañado doutras infraestruturas de grande capacidade que, como vías públicas non de pago, absorban o tráfico de Pontevedra cara a Vigo e Portugal, e viceversa.

 4.-O SISTEMA DE FINANCIACIÓN ,  A  CONDICIÓN DE EXPLOTACIÓN POR CONCESIÓN PRIVADA DA INFRAESTRUCTURA E A SINGULARIDADE  DA  EXENCION DA PEAXE PARA OS USUARIOS DO MORRAZO.

O enlace de Cangas  permite todos os movementos posibles entre a Autoestrada do Atlántico e a vía de Alta capacidade do Morrazo (CG-4.1) e a estrada Nacional Vilaboa – Cangas (N-554).

No ano 2006  estableceuse un convenio entre o Ministerio de Fomento, a Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia e a Sociedade Concesionaria (AUDASA) polo que se suprime a estación de peaxe de Domaio e se adopta un sistema de peaxe na sombra cuxo pago asumen o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia.

 A falta dunha especificación sobre o sistema do financiamento da infraestrutura – da que non se inclúe no presente proxecto a “obra singular” dos terceiros carrís no tramo da ponte, cabe supoñer que  sendo nunha vía concesionada sexa a propia empresa a que asuma este investimento inicial, para recuperalo mediante unha ampliación do prazo de concesión, subida das taxas de peaxe e poñendo en perigo o convenio de peaxe na sombra para os usuarios do Morrazo.

 Polo manifestado, preséntanse as seguintes

 ALEGACIÓNS

 COMO SOLUCIÓN INSUFICIENTE E TRANSITORIA proponse a reactivación dos proxectos de vías públicas alternativas, fomento do ferrocarril e apoio claro e definitivo ao transporte marítimo de ría , como medidas complementarias imprescindibles.

 COMO SOLUCIÓN SINGULAR, TANTO DESDE O PUNTO DE VISTA DA ENXEÑERÍA COMO DO SEU CUSTO, QUE PON EN PERIGO A GRATUIDADE DA PEAXE PARA OS USUARIOS DO MORRAZO, esíxese a información pública do sistema de financiamento e as garantías a exención da peaxe para os usuarios do Morrazo así como a inversión e financiamento do tramo correspondente a Ponte de Rande.

 COMO SOLUCIÓN PENSADA PARA O TRÁFICO CENTRAL, EN PREXUIZO DO TRÁFICO DO MORRAZO, propóñense as seguintes conexións:

 VIGO-DOMAIO:

TERCEIRO CARRIL,  DIRECCIÓN DOMAIO: CONEXIÓN DIRECTA COA AUTOVÍA DO MORRAZO, DESPOIS DO NÓ DE DOMAIO.

CARRIS CENTRAIS: MANTER A CIRCULACIÓN E A SAIDA PARA O MORRAZO NAS ACTUAIS CIRCUNSTANCIAS.

DOMAIO-VIGO:

TERCEIRO CARRIL, DIRECCIÓN VIGO, CONEXION DIRECTA DENDE A AUTOVIA DO MORRAZO, PASANDO ELEVADO POR RIBA DO NÓ DE DOMAIO.

CARRIS CENTRAIS: MANTER A ACTUAL CONEXIÓN PARA PONTEVEDRA E A DE VIGO A TRAVESO DO NÓ DE DOMAIO.

Proposta concordante coas  alegacións feitas pola Federación ao desdobramento do Corredor do Morrazo, no mesmo sentido e que se poden consultar na páxina web:  http://achamusca.wordpress.com/

 VIGO-PONTEVEDRA-VIGO. COMO VERDADEIRA SOLUCIÓN DE FUTURO: POR EN MARCHA A VARIANTE A-59, GRATUITA E QUE PERMITA EVITAR A PONTE COMO ÚNICA VÍA DE COMUNICACIÓN DO NORTE CON PORTUGAL.

 SOLICITO: Que se de por presentado este escrito e se teñan por efectuadas as ALEGACIÓNS no mesmo contidas.

Moaña, 12 de agosto de 2010. 

AAVV asociadas: Tirán, S.Martiño, Quintela, Ameixoada, O Real, Moaña-Centro, Rialdarca, Berducedo e Piñeiro, Sabaceda, Broullón, Xeremelo, Praia-Seara, Arroás-Latón e Monte Faro-Domaio.

ANEXO.- MEMORIA.- 4.7.- TRAZADO

Deixar un comentario »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS para os comentarios deste artigo. URI do trackback

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Tema: Rubric. Blogue en WordPress.com.

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.